Saturday 27 de April de 2024

A Xunta de Goberno Local aproba a reserva dunha parcela para a ampliación do centro para atención de persoas afectadas por dano cerebral adquirido


A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a reserva dunha parcela para a ampliación do centro de día e ocupacional para a atención de persoas afectadas por dano cerebral adquirido da Asociación Sarela. Tamén deu o visto bó ao texto do convenio para a colaboración nas festas do Apóstolo; e ás bases reguladoras das subvencións destinadas a cooperación e desenvolvemento.

Na reunión, o executivo municipal acordou reservar, por un ano, a parcela DM-2 do SUNP-14 para a implantación da ampliación do centro da Asociación Sarela. Esta reserva implica a dispoñibilidade da parcela e a autorización do Concello coma propietario do inmoble á entidade para proceder á citada ampliación para o fin solicitado, podendo concorrer aos procedementos de subvencións coa autorización do propietario.

Tamén se aprobou o texto do convenio entre a Axencia Turismo de Galicia, Abanca Corporación Bancaria S.A. e o Concello de Santiago de Compostela para a colaboración nas festas do Apóstolo 2022.
As actividades concretas obxecto do convenio son varios concertos que se celebran na Praza da Quintana e no parque de Galeras, un espectáculo de danza que ten lugar na praza de San Martiño Pinario e un festival de drons que se realiza no parque de Belvís. O orzamento estimado é de 54.683 euros. Turismo de Galicia financiará as actividades anteditas cunha achega de 40.000 euros. ABANCA colaborará nas accións descritas cunha achega de 10.000 euros, en concepto de patrocinio.

A vixencia do convenio será ata o 31 de decembro de 2022 e non será prorrogable, sen que o Concello e a empresa asuman ningún outro compromiso máis que os recollidos no convenio. O Concello de Santiago non contrae ningún tipo de obriga económica nin gasto adicional como consecuencia da sinatura do convenio proposto.

Aprobárose ademais as bases reguladoras, convocatoria e gasto relativo á convocatoria pública para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións de Cooperación ao Desenvolvemento 2022 do Concello de Santiago de Compostela, para a que se establece unha consignación económica por importe de 167.471,36 euros.

Por outra banda, tamén acordou unha achega á Sociedade para a Promoción da Iniciativas Empresariais Innovadoras MP (UNINOVA) por importe de 60.000 euros en concepto de socio.